viernes, 14 de junio de 2019

Educar en non acosar

Educar en non acosar


                    
Os dejamos este artículo de una de nuestras profesionales de 2T Psicologia.
Podéis ver el artículo completo que se publicó en la voz de Galicia el día 30/05/2019:

30/05/2019 05:00 H

É fácil poñerse na situación: un vídeo de contido sexual difúndese entre os teus compañeiros de traballo. Soportas a vergoña, os comentarios, a humillación, mentres que as imaxes circulan de móbil en móbil sen que, que saibamos, ninguén denunciase ou polo menos recriminase a conduta. Comportamento que remata coa vítima dese vídeo sexual falecida por suicidio ante a presión insoportable de ver a súa intimidade exposta, especialmente no seu círculo máis próximo.
Se ben se está a investigar quen comezou a divulgación do vídeo gravado cinco anos antes, si está claro que hai outras moitas persoas que foron responsables da súa difusión. E neste punto quero poñer toda a énfase: na responsabilidade individual de persoas adultas que, máis alá das implicacións penais que teña o seu comportamento, colaboraron para facer viral un vídeo sexual dunha muller. Non percibían a violencia que estaban a inflixir contra esa persoa? Non entendían que estaban a acosar de forma extrema a unha muller? 

Este tipo de vídeos empréganse como o que se coñece como «pornovinganza», é dicir, úsanse para facer dano á muller e extorsionala tras finalizar a relación. É unha manifestación da carencia na educación afectivo-sexual que recibimos, con persoas que non asumen o dereito a unha ruptura normalizada dunha parella, a pór fin a unha relación sentimental, e recorren ao acoso como forma de violencia.
Este é un acoso que grazas ás tecnoloxías que fan virais fotos e vídeos acada cifras inmensas coa cooperación necesaria doutras persoas que se converten tamén así en acosadoras, nun acto irreflexivo.
As vítimas son habitualmente mulleres, porque na nosa socialización o home non se ve penalizado (mesmo incluso o contrario) ante a exhibición pública de contido sexual, como si acontece coa muller. É, por tanto, unha forma de violencia machista que debería xerarnos tanta repulsa como calquera outra e coa que, como adultos responsables, deberiamos negarnos a cooperar difundindo estas imaxes.
Cómpre educar en non acosar, tampouco deste modo. Nós como adultos, rexeitando eses contidos cando nos chegan ao noso móbil. Pero tamén os nosos mozos e as mozas que están medrando nunha contorna dixital, na que desenvolven prácticas como o sexting, compartindo imaxes íntimas de forma voluntaria, que se poden distribuír ata o infinito e sen control. Eduquémolos nos riscos das tecnoloxías, pero tamén no seu uso responsable para previr finais tan tráxicos que ocasionan tanto sufrimento.