Mª Luz Losada Somoza é a coordinadora do programa de atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero impulsado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Lembra que o protocolo segue activo durante o confinamento.
Losada di que os psicólogos están preparados para o comezo da
desescalada
REDACCIÓN FERROL 21/04/20
O incremento do número de chamadas ao
016 nas últimas semanas é unha das consecuencias que os especialistas xa
prevían cando principiou o confinamento. En Galicia, o Colexio Oficial de
Psicoloxía desenvolve dous programas, un para homes e outro para mulleres, que,
lembran, están plenamente operativos estas semanas.
Como está afectando o confinamento ás
situacións de violencia de xénero?
Os recursos de atención ás mulleres
están plenamente operativos, tanto o 016 –para esa primeira chamada– como os
programas do Colexio, o de homes con problemas de control de violencia e o de
mulleres que a sofren. Hai que subliñar que este último é un servizo secundario
de atención, é dicir, ao que chegan mulleres que xa teñen acreditada a
situación de violencia de xénero cunha denuncia, unha orde de protección ou un
informe. Agora mesmo, a canle pola que teñen que entrar no programa é a través
dos Servizos Sociais. Nestes momentos estase facendo atención telefónica e é
probable que moitas mulleres se sintan desprotexidas, pero teñen que saber que
os servizos seguen funcionando, e que seguimos aí para escoitalas e para poder
axudalas na medida do posible dentro de cada recurso.
Como se afronta este problema nesta
situación de excepcionalidade?
Se hai unha situación de violencia
dentro do contexto familiar, evidentemente o confinamento vai incrementar a
probabilidade de que esa violencia estea aí ou mesmo aumente, claro. É certo
que, nestes momentos, moitas mulleres ou os fillos e fillas destas mulleres que
están vivindo esta situación ao mellor non se senten capaces de poder
denunciar, porque non teñen onde ir ou como saír. Desde o Colexio sabemos que
unha vez comece a desescalada e vaiamos pouco a pouco retomando unha vida –non
vou dicir normal, porque imos tardar bastante– medianamente normalizada, vai
haber unha maior demanda, porque evidentemente a tensión estivo aí durante
moitas semanas e nalgún momento sairá. Isto é como unha ola a presión: estamos
aí aguantando e no momento en que a válvula abra a presión vai ir saíndo.
Están preparados para ese momento que
cada vez está máis preto?
Estamos facendo atención por
videoconferencia. En casos excepcionais hai terapeutas que si están facendo
atención presencial, pero depende da situación de cada profesional, porque non
poden pór en risco a súa saúde e a dos seus familiares. Con todo, para as
mulleres que non teñen as posibilidades e os recursos, estase facendo un
seguimento telefónico. É dicir, non as abandonamos, tratamos de seguir estando
aí para dar ese apoio que tanto precisan agora mesmo.
Que consellos lle daría a unha muller
que sofre violencia?
Resúltame moi difícil dar esa
recomendación así porque dá a sensación de que a estamos culpabilizando a ela
da situación de violencia. Se a ela lle digo que intente evitar situacións de
violencia, poderíase entender que ela puidera estar provocando esa situación.
Eu a mensaxe daríaa aos dous membros da parella: se calquera dos dous estades
especialmente nervosos ou alterados, ou percibides no outro que non está nunha
situación na que vai poder razonar, que cada un atope estratexias de frear a
situación, buscar un tempo fóra, ir a un baño, a unha habitación... No caso das
mulleres, que intenten ter o teléfono con elas por se teñen que chamar á
Policía ou a un veciño para poder pedir axuda. Pero insisto en que esta mensaxe
non é só para elas; a miña obriga é facelos sentir a eles responsables de que
tamén poden controlar esa situación. Adoitamos ver os homes como os malos da
película, e moitas veces eles non aprenderon a responder doutro xeito e vense
nunha situación de violencia cando, se cadra, inicialmente esa non era a súa
intención. Eles son os responsables e son os que teñen que aprender tamén a
frear, porque as consecuencias tamén as van sufrir eles.
Como están funcionando os programas do
Colexio?
No caso
dos homes, quen se vexa nunha situación de violencia pode chamar directamente
ao programa (630 170 140) e vai ter atención directa e gratuíta. No caso das
mulleres, o primeiro é que podan saír, pero, se non poden, os servizos nos que
deben pedir axuda en primeira instancia son os Centros de Información á Muller
ou as asociacións que traballan neste eido. Se poñen denuncia e teñen orde de
protección, poden chamar ao -629 777 595 e alí atendémolas.
https://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/ma-luz-losada-non-debo-dirixirme-so-muller-home-ten-sentirse-responsable-poder-controlar-situacion/20200421000527279596.html
No hay comentarios.:
Publicar un comentario